Prezada amiga/prezado amigo: Durante este ano Galiza Nova conmemora o XX Aniversario da súa fundación o 23 e 24 de 1988. Por este motivo, comprácenos convidarte ás actividades centrais destes 20 anos deixando pegada. - ACTO PÚBLICO Facultade de Filoloxía ás 19:30 h (Avda. Castelao. s/n Campus Norte) - CEA* no restaurante Vía da Prata ás 22:30h.
Agardamos a túa asistencia
*Contacta para reservar, no local comarcal de Lugo Sur (982 416 027) de 5 a 8 da tarde ou no correo lugosul@bng-galiza.org, prezo do convite 20 €
Hai dous anos, houbo un paro xeral nos institutos para reivindicarlle á Consellaría de Educación que tomase medidas en defensa do galego no ensino. O éxito desa folga, coa participación de máis de 60.000 estudantes segundo datos oficiais, foi fundamental para que a Consellaría de Educación tivese que elaborar unha nova norma de galeguización do ensino, o decreto 124/2007.
Comezado un novo curso, vemos con preocupación como se esfarelan as boas expectativas que había sobre a aplicación deste decreto. A realidade é que:
Na maior parte dos centros non se cumpre coa lexislación;
a Consellaría de Educación aínda non fixo públicos datos nin avaliacións reais sobre o grao de aplicación do decreto no curso pasado (malia o propio decreto indicar que ten que facerse);
seguen sen pórse en funcionamento as medidas e os medios demandados desde a comunidade educativa.
Todos os adiantos experimentados pola nosa lingua foron sempre froito da reivindicación, moitas veces protagonizada pola xente nova. Visto que é a saída que nos deixan, chamamos a parar as aulas o vindeiro 26 de novembro. Pararemos a inactividade da Consellaría de Educación. Pararemos as agresións ao idioma de Galiza.
Preocúpanos moito tamén a vaga de declaracións e accións contra a lingua do país que se están producindo case a diario desde os sectores máis reaccionarios. Teledirixidos por poderosos grupos económicos, políticos e mediáticos de fóra de Galiza, din defender cinicamente o “bilingüismo” e a “liberdade” cando na realidade só pretenden seguir marxinando o noso idioma, mantelo desamparado e, finalmente, facelo desaparecer.
Pararemos os institutos para dicirlle a eses grupos que os estudantes de Galiza defendemos o noso idioma. Falemos castelán ou falemos galego, queremos que se tomen medidas de apoio a un vínculo que nos une como galegas e galegos, que é unha riqueza común e un patrimonio para a humanidade.
Contra estes ataques que nos queren negar a voz e os dereitos tamén é necesario que nos movamos. Digámoslles que a inmensa maioría das galegas e dos galegos desexamos para o galego o mellor dos futuros. Porque garantir o futuro da nosa lingua é garantirmos o noso propio futuro.
Na comarca de Lugo Sur están convocados todos os centros de ensino a parar o día 26!!!
Galiza Nova convidate ao Acto homenaxe a Rosalía e Castelao. Programación: Intervirán: Iria Aboi Ferradás Secretria Xeral de Galiza Nova Francisco Rodríguez Sánchez. Responsábel de Acción Institucional da Executiva do BNG
Lectura de fragmentos das obras de Castelao e Rosalía, actuación músical e sorpresas...
Ofrenda floral a Rosalía de Castro e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao Canto do Himno Nacional e remate de acto.
Será xoves 24 de Xullo ás 17:30 horas. No Panteón de Galegos Ilustres, San Domingos de Bonaval.
Visitaremos varios lugares máxicos das terras de Sober que adquiren, se cabe, un maior encanto bañados pola tenue luz da lúa (chea, por suposto) destas noites de verán.
E n cada paraxe acompañaranos a Música e os poemas ou relatos cos que queirades agasallarnos cada un dos que nos acompañedes nesta aventura nocturna; o tema, a extensión e a cantidade de lecturas son libres, como libre é a luz de cada plenilunio que acariña a paisaxe ribeirá.
E, para facer todo isto aínda máis misterioso, non che diremos a onde imos, nin o que escoitaremos; só te convidamos a achegarte contra ás dez da noite do sábado 19 de xullo á Praza de Sober e desfrutar do luar.
Baixo este lema, a organización desta sétima edición do Festigal, agarda que que o 24 e 25 de Xullo se acheguen ao Campus Sur de Santiago, froito en moitos casos do boca a boca, incondicionais e curiosos, despistados e emerxentes, para sumar as máis de 20.000 persoas que ano tras ano permiten consolidar esta proposta como unha oferta máis a ter en conta no circuito de Festivais estivais que cubren o mapa do País por estas datas.
Tanto Macías como Aboi destacaron o carácter de intercambio cultural que supón este Festigal08
Xabier Macías e Iria Aboi por parte da organización; acompañados de Guillermo Fernández, músico de Berrogüetto e Sergio Zearreta, membro da banda ourensá Lamatumbá, presentaron o programa definitivo ante os medios de comunicación, nunha rolda de imprensa "pasada por auga" na terraza do compostelán hotel Costa Vella.
Tanto Macías -Fundación Galiza Sempre- como Aboi -secretaria xeral de Galiza Nova- destacaron o carácter de intercambio cultural que supón este Festigal08, onde os asistentes poderán desfrutar de grupos de música folc galega (Berrogüetto e Quempallou); dos suecos The International Noise Conspiracy -un grupo de punk-rock con letras subversivas e irónicas-; dunha figura internacional consagrada como o cantante cubano Pablo Milanés; do bluesman ferrolán Vítor Aneiros; dos festeiros Lamatumbá, unha das bandas galegas mais coñecidas; dos metaleiros estradenses Nao e do grupo de jazz-manouche electrónico francés Caravan Palace (unha alfaia pouco coñecida).
Non só haberá música no Festigal, senón que haberá numerosos debates na Galería das Ideas (sobre o centenario de Curros Enríquez, entre outros) e se presentarán varios libros, entre eles os últimos de Manuel Rivas e Camilo Nogueira. Ou a tradución galega de O segundo sexo de Simone de Beauvoir, que presentará Carme Adán.
E sen esquecer a galería audiovisual da Sala Nasa, na que se proxectarán numerosas curtas, documentais...
Durante a rolda de imprensa, Guillermo Fernández, de Berrogüetto, destacou a ilusión que supuña poder tocar o mesmo día que Pablo Milanés e lembrou que será a primeira vez que toquen en Santiago coa nova formación, na que Xabier Díaz substitúe á anterior cantante, Guadi Galego.
A candidata nacionalista, Paz Abraira, tiña previsto participar nunha festa de peche de campaña en Lugoe nun mitin e Sarria xunto ao conselleiro de Industria, Fernando Blanco, que foron suspendidos
A cabeza de lista do BNG ao Congreso afirma que “a violencia terrorista representa un intolerable atentadocontra os dereitos humanos e ofende a conciencia profundamente pacifista do pobo galego” e pídelles aos candidatos do PP e do PSOE que non fagan “uso poítico nin electoralista” deste último acto de ETA
O Bloque Nacionalista Galego suspendeu esta tarde todos os actos programados para o último día de campaña logo do asasinato de Isaías Carrasco a mans de ETA. A candidata nacionalista, Paz Abraira, que tiña previsto participar nunha festa de peche de campaña no barrio de Albeiros, en Lugo, e nun mitin en Sarria xunto ao conselleiro de Industria, Fernando Blanco, puxo fin á súa actividade de campaña en sinal de “tributo solidario” co ex concelleiro do PSOE en Mondragón tiroteado.
Paz Abraira afirmou que “a violencia terrorista representa un intolerable atentado contra os dereitos humanos máis elementais e ofende á conciencia profundamente pacifista do pobo galego”. A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Lugo pediu tamén aos candidatos do PP e do PSOE que non faga “uso político nin electoral da violencia”.
Ademais dos actos centrais de Paz Abraira en Lugo e Sarria, foron suspendidos tamén todos os actos previstos polo BNG no resto da provincia. En concreto, na comarca da Mariña, onde o Bloque tiña previsto celebrar un peche de campaña en Ribadeo, así como outros actos previstos en Monforte, Pantón e Carballedo.
Balance da campaña
A primeira hora da mañá, e antes de que se producira o asasinato de ETA que motivou a suspensión do resto de actos do día, a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Lugo, Paz Abraira, visitou xunto a militantes e simpatizantes do BNG e en compañia do conselleiro de Industria, Fernando Blanco, do vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e do portavoz do BNG no Concello de Lugo, Xosé Anxo Laxe, a Praza de Abastos de Lugo, onde repartiu información sobre as propostas do BNG.
Alí Paz Abraira fixo balance dos últimos 15 días e afirmou que “nesta campaña falouse de Galiza e de Lugo porque estaba o BNG”. A candidata nacionalista dixo que os partidos estatais estaban moito máis preocupados por vir a Lugo a falar de Rajoy e de Zapatero que por falar dos problemas e as necesidades da provincia de Lugo. Neste sentido, indicou que “o PP quere que volvamos ao pasado de Fraga e Cascos resucitando o Plan Galicia, unha pantasma que os cidadáns enterramos hai catro anos” e que “Pepe Blanco volve catro anos despois coas súas promesas, que son fume”, polo que, dixo, “só se o BNG ten a forza suficiente en Madrid Galiza e Lugo serán escoitadas e tidas en conta”.
A candidata nacionalista fixo un chamamento “ao despertar da provincia de Lugo este domingo a través do BNG” e pediu o voto “a todos aqueles que queren que Galiza e Lugo conten no Estado” e de xeito especial aos mozos e mozas, para que sexan “o motor dese despertar”; aos xubilados, “esencia do noso pobo”; ás mulleres, “que siguen sendo o soporte da sociedade”; e aos traballadores, “que son os que lle dan futuro a esta provincia”.
A candidata do BNG afirmou que o voto ao BNG é “triplemente útil” porque, dixo, “é útil para que non goberne o PP, útil para que Galiza e Lugo sexan tidas en conta en Madrid e útil para lograr avances democráticos”. Paz Abraira pediu o voto a todos aqueles cidadáns que queren “que Galiza sexa protagonista da política estatal”. “E só o lograremos se o BNG ten a forza suficiente para ser chave en Madrid”, dixo a cabeza de lista do BNG ao Congreso.